Na idade media, a ribeira vai experimentar un despegue socioeconómico de mans do poder relixioso, plasmado en numerosos edificios adicados a oración, recollemento e organización económica e política
Logo do colapso do poder romano, o territorio queda desvertebrado politicamente, lagoa que comezan a suplir as novas autoridades suevas (S.Pedro de Cela en O Saviñao e S. Pedro de Rocas en Esgos) en superposición cunha nacente presenza relixiosa. Nun intre de cambios sociais comeza a tomar forma un movemento de eremitas que buscan lugares de retiro afastados como os da ribeira ós que se une o pulo cristianizador de S. Martín Dumiense no s. VI, que será reforzado polo bispo Odoario no s. VIII cando se pon en marcha unha acción repoboadora e colonizadora do val obrigada pola inseguridade da invasión musulmá.
Nesta etapa detéctase unha grande actividade na ribeira do curso baixo do Sil e nos concellos de Carballedo, Chantada, Saviñao e Pantón, no Miño, xeradora de cenobios nos séculos VII/IX; a partires do s. X prodúcese unha eclosión construtora de igrexas e mosteiros ó longo da zona de encontro dos dous grandes ríos.
A consecuencia da evolución política da península que despraza o centro de actividade ó Sur, os mosteiros entran en declive e acaban por desaparecer moitos deles. Hoxe consérvanse un número importante de igrexas de estilo románico e algúns mosteiros que atestiguan a relevancia que tivo a igrexa no artellamento de xentes e territorios.
O mesmo termo de Ribeira Sacra fai alusión á impronta da Igrexa nesta zona; a expresión Rivoira Sacrata, aparece nun documento de 1127 de Teresa de Portugal, pertencente ó mosteiro de Montederramo e referíndose a zonas do val do Sil no curso baixo; posteriormente esta referencia aparecerá tamén para os concellos miñotos de Carballedo, Chantada, Saviñao e Pantón.
De N. a S. as igrexas románicas no val son as de S. Facundo (Paradela), S. Pedro de Xoán de Portomarín, Bembibre en Taboada, Pesqueiras, Camporramiro e Nogueira en Chantada, Chouzán e S. Xoán de A Cova en Carballedo, Diomondi, Santo Estevo e S. Martiño de A Cova en O Saviñao, Pombeiro e Atán en Pantón, os mosteiros de Sta. Cristina (Parada do Sil) e S. Estevo en Nogueira de Ramuín. Pero da ribeira abundan outros exemplos de igrexas románicas de excepcional interese como a de Eiré e o Mosteiro das Bernardas en Pantón