O río é o artífice desta ribeira, o pai das peculiaridades paisaxísticas da zona, o elemento natural que lle da coherencia e artellamento.
Moito ten mudado a faciana dos río na ribeira dende que comezou a instalación das centrais hidroeléctricas en 1955, coa construción dos encoros de Peares no Miño, Sto. Estevo no Sil e logo Belesar no Miño (1963), con grandes muros (129,94,32 e 115 m. respectivamente) de formigón que almacenaron inxentes volumens de auga, asolagando parte da ribeira e modificando as condicións de vida, o que levou a un declive da cultura ribeirá, todo isto espoleado por unha forte corrente migratoria.
Ata a construción dos encoros pervivira un modo de vida plenamente ribeirao, materializado nas xentes, lugares, usos e costumes que vivían a carón do río. Nomes como Porcís, Barciela, Portotide, Belesar, Sernande, A Veiga, Pincelo, Castro Candad, Porto, Samueira, Mourulle, Riobó, Hermida, Abelaira do Río, Abeleira, Seixón, Ferreiroá, Portomarín e Loio, formaban unha rede de lugares integrados de cheo na vida do río. Hoxe amosan os seus esqueletes estruturais derrubados e renegridos, cando baixan as augas dos encoros.
Salmón, lamprea, troita e anguías, foron as especies máis consideradas na importante actividade pesqueira que se mantiña dende a idade media, como atestiguan a proliferación de pesqueiras e caneiros, así como a referencia documental de contratos forais destas edificacións fluviais e da súa rendibilidade, En tódolos lugares había familias especializadas na pesca, aínda que todos utilizaban este recurso.
Especial dinamismo tiñan os lugares de paso pola súa importancia como puntos de comunicación. Portomarín, Belesar e os Peares gozaron do privilexio de contar con pontes dende a idade media e iso converteunos en lugares de referencia viaria; nun segundo nivel estaban os lugares de paso con barca que cubrían unha abondosa rede viaria; barcos e barqueiros eran elementos característicos de certos lugares que comunicaban distintas parroquias e servían para activar o comercio comarcal e das feiras. As barcas de paso estaban preparadas para o transporte de persoas, animais e cargas de distinto tipo. As dimensións das barcazas de planta rectangular e fondo semicurvo, onde non se fai distinción entre a popa e a proa, abalaba entre os 5 e 8 m. de longo por 2 e 2'5 de ancho(tense constancia de tamaños maiores), pero especialmente adaptadas para arribar na ribeira e permitir a carga para cruzar o río nas zonas de calma e de xeito transversal. Barcas de paso como a de Pincelo, Porto, Sernande, Chouzán, Pombeiro, S. Estevo ou Portabrosmos son referencia da comunicación da ribeira