Na primeira das salas, “A Ribeira”, atopámonos cos elementos máis característicos dende o punto de vista xeográfico e histórico, facendo de introdución para situar ó visitante no contexto da zona. “O Entroido ribeirao” cos seus elementos característicos, o Cesteiro como artesán imprescindible na ribeira, teñen pequenas salas propias. O Río coas súas características físicas, peixes e pescadores, camiños e pasos, barcas e barqueiros, compoñen outro dos elementos desta sala onde abunda a documentación gráfica que nos achega todo un mundo asolagado.
Entendemos por “Ribeira” o val do Miño na zona da Ribeira Sacra e a desembocadura do Sil, un val que nesta zona se encaixa notablemente ata a provincia de Ourense, onde volve “abrir” cara ó Ribeiro. Un territorio profundamente alterado pola man do home dende a antigüidade, que deixou a súa pegada nesa ringleira de chanzos que agatuñan unha forte pendente sostendo o máis emblemático dos seus cultivos. Non é de esquecer a penúltima das alteracións, o represamento do río con varios encoros que mudaron radicalmente paisaxes e xentes.
O Val ten unha variante climática que axudou a poñer en marcha a titánica acción antrópica dos socalcos. Ligado ó viño está o inicio do interese continuado pola zona, que colleu o pulo decisivo no medievo cun monacato que se materializou en moitas igrexas, cenobios e mosteiros que organizaron a colonización e disposición da ribeira tal como chegou ós nosos días. As características físicas, climáticas, demográficas, vexetais, socioeconómicas, culturais e históricas van estar presentes nesta “ribeira” en Arxeriz
O pano de fondo da ribeira tamén ten un importante lugar expositivo-explicativo: o río que estende a súa banda encorada de N. a S. é un elemento indispensable no coñecemento da ribeira.
|