Contra 1950 comeza o proceso de ruína de Arxeriz. Esmorece a cativa industria láctea e a actividade agrícola redúcese a mínimos. O Dr. López Suárez, poucoa ntes do seu pasamento, no verán de 1970, véndelle todas as súas propiedades ó seu sobriño D. José Rodríguez López, industrial que tenta revitalizar Arxeriz con criterios de innovación pura e dura, orientada á maximalización produtiva. Construíu naves de grandes dimensións que axiña quedaron obsoletas. O deterioro chegou tra-lo abandono dos planos de recuperación falida.
En 1985 Arxeriz volve cambiar de mans, inda que sen sair da familia, xa que logo o novo propietario, D. Xosé Soto Rodríguez, mércalla ó seu tío D. José Rodríguez López. Co gallo de enmendar a situación de total ruína do lugar, D. José Soto Rodríguez (Xosé de Arxeriz) negociou a instalación dunha escola obradoiro, a cal funciona dende 1993 ata 1996. Promovida pola A. V.V. Ribeiras do Miño das Terras do Saviñao, contou coa dirección de José A. Quiroga Díaz e co apoio de Ceferino Díaz.
En 1996 D. Xosé Soto Rodríguez crea a Fundación Xosé Soto de Fión, entidade que asegura o remate dos labores de restauro, e que en 1999 recibe en propiedade o conxunto de Arxeriz ó completo, por entrega que lle fai o presidente-findador en concepto de doazón
Pazo de Arxeriz, sede da Fundación
A Fundación Xosé Soto de Fión leva a iniciativa de Arxeriz como referente na recuperación do patrimonio histórico-artístico, etnográfico e natural. No futuro prevense actuacións en Suatorre, Torre de Arcos en Chantada e no Castelo de Doiras en Cervantes; elementos patrimoniais da Fundación por donación do seu presidente.
As actuacións da Fundación (figura inscrita no Rexistro do Protectorado do Ministerio de Cultura co nº 451 e co C.I.F. nº G-27 22 42 45), vanse guiar polo enunciado nos seus estatutos:
A Fundación persegue como obxectivos inmediatos, os enunciados no artigo 7º dos seus estatutos:
a) Defensa do entorno a través dunha serena á vez que firme militancia ecoloxista, entendendo por tal defensa, a promoción e estudio dos valores ambientais referidos a lugares de especial relevancia paisaxística, xeolóxica, botánica, faunística, cultural e histórica, así como do equilibrio ecolóxico de toda paraxe en xeral e da harmonía arquitectónica de núcleos rurais e urbanos, con particular fincapé na defensa de ecosistemas en risco a causa de actividades de forte impacto ambiental.
b) Defensa , estudio e promoción do patrimonio histórico-artístico dende a perspectiva ideolóxica que propugna a rehabilitación integrada, conforme á doutrina exposta en declaracións de alcance universal. Hai que interpretar a defensa dos centros históricos dende un punto de vista de rigoroso mantemento da triple trama consolidada (horizontal, vertical e social) con firme oposición a operacións de cambio de uso ou funcionalidade. Dos fins queda expresamente excluída toda iniciativa favorable á promoción do consumo e núo entretemento, ou cultivo do trivial.
c) Adoptar iniciativas que, superficialmente contempladas, podan parecer contradictorias. Por exemplo: promoción da tecnoloxía branda, conservacionista e non contaminante á vez que adhesión moi cauta a innovacións técnicas audaces; empeño en conservar canto de valioso legou o pasado e aceptación , á vez, de valores rupturistas (debidamente cribados) resultantes do impacto científico e técnico na sociedade.
d) Recuperación de oficios en perigo de desaparición, actividades nas que o traballador recoñece a creatividade a través da obra ben feita.
e) Promover a expresión literaria en linguas minoritarias, sometidas a presión dos grandes idiomas de traballo. Defensa, en suma, das culturas contra da inundación civilizatoria.