A Ribeira Sacra é temática da primeira fase do ecomuseo de Arxeriz, pola súa ubicación, nunha balconada de bocarribeira sobre un dos lugares máis emblemáticos do val do Miño, o Cabo do Mundo, e a necesidade de conservar unha das zonas salientabeis dende o punto de vista paisaxístico-patrimonial e humano.
A sensibilización e toma de conciencia sobre a importancia de conservar a trama humano-natural e histórica da ribeira é fundamental para que este legado poida sobrevivir ás agresións doutros modelos e intereses. Este labor só é posible dando a coñecer os valores da zona, así como a súa riqueza e transcendencia.
Nun total de 220 m2 vaise expór unha visión integradora do val do río Miño no seu curso medio, entre Peares e Portomarín (amais dun anaco do curso baixo do Sil).
As instalacións intégranse nunha finca de 25 Ha. que lle dá o carácter de Ecomuseo. Hai unha parte de cultivos e horta propios dunha explotación tipo (3 Ha. de prado, 7 Ha. de bosque autóctono reforestado e 10 Ha. de bosque mixto). Dentro da finca, preto do pazo, atópase o castro, e entremedias, a zona de cortes , cun total de 250 m2, onde se aloxarán os animais e a sección informativa, así como os elementos propios da gandería e da agricultura.
Escalonadamente iranse abrindo zonas de Arxeriz á visita pública até acabar abarcando toda a finca.
|