Nas parroquias da ribeira chantadina de Nogueira, A Sariña, Santiago de Arriba e Vilaúxe (Chantada), consérvase unha expresión cultural específica da zona de ribeira, o coñecido como «Entroido Ribeirao», que no seu plantexamento atense ás pautas explicativas do Entroido xeral, pero que na súa manifestación material ten as súas particularidades, así como tamén ligazón coa cultura do viño.
OS VOLANTES
O vestiario dos volantes é o que máis chama a atención debido a súa riqueza cromática e rítmica. Sobre a cabeza levan un pucho cunha estrutura de madeira ou arame, cuberta de flores de papel confeccionadas a man e de moitas cores; na parte frontal aséntase unha pequena boneca, e dende o pucho caen unha chea de cintas tamén de papel de rico cromatismo denominadas colonias.
O vestiario componse ademais dun traxe de cores vivas, principalmente vermello e amarelo, ademais de panos de cor. Os que non portan pucho levan este pano riba da cabeza e máis unha carauta feita con papel de xornal sobre un molde de madeira que se garda de ano en ano.
Levan un cinto de coiro ancho do que penduran dúas ringleiras de campaíñas do gando con distinto son; as graves denomínanse machos e as de son agudo, femias. Os rebrincos do volante producen un son moi característico, intenso, teimudo e rítmico.
OS PELIQUEIROS
O Peliqueiro é unha personaxe que acompaña ó volante, deféndeo e carga contra os que se cruzan no seu camiño. Leva unha vestimenta descoidada, portando unha pelica ó lombo e outra a xeito de carauta; no cinto leva unha soa campaíña, a choca.
OS OFICIOS
Os Oficios son pequenas representacións teatrais que buscan satirizar distintos empregos, labores e comportamentos tanto sociais como profesionais que forman parte das particularidades deste Entroido
|