Situada na parroquia de Sta.María de Arcos, mostra nas súas abondosas pedras armeiras un rico entretecido de familias ilustres que alí deixaron a súa pegada: Boán, Araújo, Pardo, Noboa, Ribadeneira, Mosquera, Taboada, Solís... que emparentaron cos Temes. A orixe desta familia, segundo a tradición, arrinca dos Marcelos romanos, quen (logo do seu achegamento ó cristianismo) adoptaron por blasón cinco cruces, das que deriva o tau de gules dos Temes. Descendían os mentados romanos daquil senlleiro patricio que foi Marco Claudio Marcelo, que chegou a servir a Roma dende cárregos como pretor e cónsul, e mesmo foi quen de lle facer fronte a Aníbal en Nola, trala desfeita romana en Cannas.

Aspecto actual da Torre de Arcos. |
Vencellados a este lugar figuran entre outros: don Vasco Fernández de Temes, merino maior de Galiza nos reinados de Fernando II e Alfonbso IX, e Fernán Núñez de Temes, partícipe da reconquista de Córdoba e xerador da saga dos Fernández de Córdoba (que usan no seu brasón as tres burelas dos Temes) foi antepasado de Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán. Documéntano o licenciado Molina e mais Verea y Aguiar. Asemade, Theodomiro I, bispo de Compostela, pénsase que pertencía a familia dos Temes.

A Torre de Arcos nunha foto de arquivo, antes do seu derrubamento. |
A torre de Arcos, hoxendía en estado ruinoso, domina visualmente o alfoz que lle deu nome. O conde don Ero Ordóñez, capitán xeral do Rei Alfonso III, chegou a señorear un contorno de doce leguas. A torre duns 30 metros de altor, era comparabel á da homenaxe do castelo de Monforte. Os estragos da guerra irmandiña foron completados por un brutal ataque nos tempos modernos: cargas de dinamita pra provocar unha voadura que achegase materiais de construcción. O xistrón Hortensia fixo o resto.
|